venres, 4 de novembro de 2016

Os nenos/as de 5º e 6º visitan o Faro de Vigo


Escoitando como se elaboran as novas

   Os/as alumnos/as de 5º e 6º do CEIP A Rúa visitaron as instalacións do Faro de Vigo o mércores 19 de outubro para aprender a facer o seu propio xornal Faladeiros.



   O Faro de Vigo é o xornal máis lido en Vigo e nos seus arredores. Fundado no ano 1853, por Ángel de Lema y Marina, é o periódico decano de España, o máis antigo.

   Faladeiros, o xornal do colexio A Rúa en Coiro, está elaborado e escrito polos propios alumnos/as. Durante o curso 2015/2016 os alumnos de 5º e 6º recibiron a proposta de dixitalizar a versión en papel desta publicación escolar.


  Para coñecer en primeira persoa as instalacións da redacción dun xornal e aprender como se escriben as novas, decidiron realizar esta visita.


   Ao chegar, ensináronlles o planning e os textos de proba. O planning é unha organización das páxinas do xornal no que aparecen todas as páxinas e seccións que se van publicar, sempre son múltiplos de oito. O texto de proba é un boceto do deseño de cada unha das páxinas.


Na rotativa
   Despois viron un vídeo sobre a fundación do xornal, do proceso de impresión e fotos antigas do Faro de Vigo. Tamén puideron facer todas as preguntas que traían preparadas.


   Contáronlles que tardan sobre unha hora e media en imprimir todos os exemplares. As máquinas que se encargan da impresión son as rotativas. Unha rotativa imprime 30.000 copias á hora. Necesítanse catro pranchas de metal para facer unha impresión en cor, unha para cada cor: azul, amarelo, vermello e negro. Para unha páxina en branco e negro só se precisa dunha prancha, a negra. Despois unha máquina dobra as follas e outra abre e mete as publicidades e follas de propaganda e regalos. Finalmente se empaquetan para ser repartidos.


   Tamén lles explicaron que as novas das distintas seccións son ordenadas de máis importantes a menos importantes, como unha pirámide invertida. E que as páxinas impares son as máis caras porque a nosa vista vai primeiro cara a elas.


   Os nenos /as do colexio A Rúa saíron moi satisfeitos da visita porque aprenderon como se fai un xornal e iso vailles servir para mellorar o seu.


Esta noticia está redactada cooperativamente polos/as alumnos/as do 5º curso do CEIP A Rúa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario